Bisbarra, 13 de xullo do 2023 – O concello da Baña celebrará o seu primeiro Torneo de Pádel, para maiores de catorce anos, do 20 ao 23 de xullo.

O I Torneo de Pádel Concello da Baña ten abertas as inscricións ata o vindeiro día 18. O custo xeral é de 5 euros por parella, pero no caso de que unha parella participe en dúas categorías diferentes ou unha mesma persoa xogue en dúas parellas distintas o prezo será de 8 euros polas dúas inscricións.
O primeiro Torneo de Pádel da Baña contará cun total de oito categorías (iniciación masculina e feminina; 2ª masculina, feminina e mixta; e 3ª masculina, feminina e mixta), precisándose en cada unha un mínimo de oito parellas inscritas. Levarán premio, consistente en trofeo máis material deportivo, as persoas finalistas de cada categoría.
Todas as persoas participantes recibirán obsequios de benvida. As quince primeiras parellas inscritas levarán, ademais, uns agasallos especiais. A inscrición pode facerse nos teléfonos 633 499 635 (Dani) e 669 368 413 (departamento de Deportes do Concello da Baña).
A organización publicará os cadros de xogo e os horarios na web municipal e nas oficinas do Concello o mércores 19 de xullo. No caso de que algunha parella non poida xogar na hora asignada, deberá dalo a coñecer para que se poidan facer as correspondentes modificacións sempre que sexa posible. As bases de participación poden consultarse nesta ligazón.
