Bisbarra, 29 de setembro do 2023 – O concello da Baña dirixiu un oficio ao anterior alcalde, o Popular Andrés García Cardeso, para que informe onde están sete teléfonos móbiles que chegaron ao seu nome pero non se atopan en ningures.

Ao remate do pleno o alcalde, o socialista José Antonio Pereira, explicoulle a Cardeso que recibiría ese oficio porque dos doce teléfonos comprados con fondos municipais, que chegaron a nome do anterior alcalde, faltan sete. Informoulle tamén de que non hai constancia de a quen foron asignados.
Andrés García Cardeso respondeu que “Todos os teléfonos foron solicitados para a brigada de obras e a outros departamentos municipais, e distribuídos dende o departamento de Cultura. Eu non pedín nada”. O ex alcalde recibirá tamén un oficio para que pague 752 euros correspondentes a un seguro médico dos meses de xullo, agosto, setembro e outubro que foron aboados polas arcas municipais.
Pago de facturas e obras
A Baña dispón no Plan de Obras e Servizos adicional da Deputación de 411.237,10 euros. Destinará 268.000 eurosa gasto corrente que se concretará no pago de facturas pendentes. Ademais dedicará 142.697 euros á realización de obras como a mellora do entorno da igrexa de Fiopáns, o acceso a unha vivenda en Emes e outro en Corneira, así como dous tramos da estrada de Vigobó a Pandoira.
Dende o PP mostráronse a favor de mellorar a contorna da igrexa de Fiopáns, pero criticaron os arranxos de accesos a vivendas particulares en vez de presentar un plan máis global. José Antonio Pereira replicoulle que, coa mellora dos accesos en Emes e Corneira, “cumprimos cunha promesa que lle fixo vostede (Andrés García Cardeso) hai oito anos á veciñanza e que seguen estando en terra”. Pereira Gil tamén lle criticou ao PP que non incluíra no POS de 2018, 2019 ou 2022 a mellora da contorna da igrexa de Fiopáns. Ademais, engadiu, “nós presentamos un orzamento duns 80.000 euros, a metade do que tiña preparado o PP”.
O POS+ Adicional, Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña, foi aprobado unicamente cos 6 votos do equipo de goberno de PSdeG e BNG e a abstención do PP (5).
Más dun millón e medio de euros de débeda
Nos rogos e preguntas, cando Andrés García Cardeso preguntou polo estado das obras executadas con cargo a subvencións, José Antonio Pereira díxolle que moitas estaban rematadas ou en fase de execución e que outras non se podían executar pola forte débeda do Concello.
Pereira Gil presentou un informe da Tesourería municipal que cifra a débeda do Concello en 1.600.000 euros. “Cando chegamos ao goberno atopámonos con facturas pendentes de pagamento do ano 2022 por importe de 185.000 euros, e case outro millón de euros sen pagar entre xaneiro e xuño deste ano. Non temos capacidade financeira para aportar o 20 por cento que nos piden moitas subvencións”.
Por causa da débeda, o Concello non vai organizar este ano a Festa da Terceira Idade, como lle sinalou a concelleira do BNG ao portavoz popular. “Valoramos facela este ano, pero coa situación económica do Concello é inviable”, dixo Mónica González. “Farémola na primavera, agora temos que pagar o que debemos”, afirmou. A primeira tenente de alcalde criticou que o anterior goberno municipal destinase á Festa Castrexa uns 30.000 euros, “que aínda están sen pagar, e así con moitas outras cousas”. José Antonio Pereira e Mónica González dixeron que hai departamentos, como deportes ou cultura, que teñen as súas partidas económicas en negativo, “gastouse máis do previsto”.
A preguntas do PP, a primeira tenente de alcalde, Mónica González, dixo que a Festa da Terceira Idade vaise adiar ata a primavera debido “á forte débeda que ten o Concello”, que o alcalde cuantificou en 1.600.000 euros “segundo os informes de tesourería”. Ao rematar o pleno, o alcalde, José Antonio Pereira, informou ao portavoz do PP e exalcalde, Andrés García Cardeso, que se lle remitiran dous oficios; un deles para reclamarlle o pago do seu seguro médico, aboado polo Concello, e o outro para saber onde están sete teléfonos móbiles que costaron máis de seis mil euros, dos doce encargados no último ano polo anterior goberno.
O día de San Vicenzo (22 de xaneiro) e o día da Virxe das Dores (9 de setembro) serán festivos locais na Baña o vindeiro ano, un acordo aprobado por unanimidade. Os tres grupos tamén votaron a favor de aprobar a conta xeral de 2022, da ordenanza de administración electrónica e do regulamento de control interno do Concello, que define o réxime de fiscalización de gastos e ingresos para mellorar a eficiencia da administración local.
A proposta para modificar o convenio do servizo de Atención Temperá con Santa Comba foi apoiado por todos os concelleiros. Segundo explicou Mónica González, a intención é incrementar as horas de logopedia, para acabar coas listas de agarda, e un reaxuste do equipo de profesionais do servizo, “xa que unha persoa remata o contrato e hai que informar á Consellería”. Actualmente, reciben atención neste servizo 57 nenos e nenas menores de 6 anos dos municipio da Baña e de Santa Comba.
