Bisbarra, 7 de setembro do 2023 – O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, ven de acadar un compromiso co SERGAS para solucionar nas vindeiras semanas os problemas de persoal do Centro de Saúde.

O rexedor mantivo este luns unha reunión coa xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloina Nuñez, na que tamén estiveron presentes a concelleira Mónica González e varios facultativos do centro médico da Baña. No encontro a Xerente comprometeuse a cubrir de xeito permanente, cun médico substituto, a baixa de longa duración dun dos facultativos da Baña. Así mesmo, a responsable do Sergas sinalou que dende finais deste mes de setembro a matrona vai atender 2 días a semana no municipio.
Na xuntanza o alcalde puxo sobre a mesa os principais problemas que afectan á veciñanza. Pereira subliñou a necesidade de cubrir as baixas e vacacións durante o período estival, que este ano provocaron atrasos continuos e derivacións de pacientes ás instalacións sanitarias de Negreira.

En canto á falta de pediatras, cun servizo que só conta con facultativo dous día á semana, a xerente da área sanitaria transmitiu a súa disposición a tratar de buscar unha solución pese á falta xeralizada destes especialistas en toda Galicia.
O médico substituto xa está traballando xa que se incorporou o pasado 29 de agosto, ao día seguinte de que o Concello fixera públicas as queixas do goberno local e de toda a veciñanza. Por outra banda a matrona comezará a acudir dous días á semana desde finais de mes.