A Baña. 24 de xullo do 2019 – Psoe e Compromiso x Galicia seguen sen chegar a acordos na Baña despois de que os socialistas rexeitaran a proposta de compartir a alcaldía.
Nunha reunión mantida o pasado luns o Psoe informou a CxG que non aceptaba a nova proposta e seguía ofrecendo entrar no goberno municipal cunha tenencia de alcaldía e unha dedicación. Os socialistas explicaron que na xuntanza mantida cos seus afiliados someteuse a proposta da agrupación galeguista a votación sendo rexeitada.
Según Cesar Ramos, voceiro de CxG “A fórmula que ofrecemos é beneficiosa para ambas formacións e favorecería un traballo conxunto a prol da veciñanza. É o máis lóxico e a mellor opción para A Baña no contexto político que actualmente se atopa o municipio barcalés”
O mandatario socialista da Baña asemade informou á agrupación local liderada por Ramos da negativa da súa formación a negociar calquera tipo de cesión da alcaldía, aspecto que CxG valora como unha decisión “nefasta para os intereses da veciñanza da Baña”. O PSOE comunicou que para facilitar a integración de CxG no grupo de goberno está disposto unicamente a ofrecer unha dedicación remunerada a maiores para un concelleiro de CxG, algo que dende a formación verde rexeitaron con rotundidade “esa medida non é útil para crear un pacto real e só serviría para aumentar o gasto”, ademais engadiu “demostramos que o noso obxectivo nunca foi económico, se así fora, de seguro que a decisión que adoptamos na investidura sería distinta”.