Bisbarra, 16 de decembro do 2024 – O alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, e o concelleiro de Urbanismo, Jesús Manuel Pena Varela, recibiron no Concello á xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, para continuar traballando na construción do futuro parque empresarial en Eiroa.

O proxecto da Baña, denominado como “estratéxico” para o desenvolvemento económico do municipio, permitiría urbanizar 200.000 metros cadrados de superficie grazas á aprobación do Plan Xeral e do plan parcial, tramitados polo goberno local.

Durante o encontro, ao que asistiron empresarios interesados no seu desenvolvemento, Sestayo confirmou que o estudo de viabilidade técnica, económica e xurídica está xa adxudicado e contratado, e os seus resultados estarán dispoñibles no primeiro trimestre de 2025. Este estudo analizará tamén o custo do solo para garantir que se axuste ás necesidades das empresas interesadas en instalarse na zona.
A xerente de SEA destacou a “excelente localización e as conexións” de Eiroa como factores que avalan a viabilidade do proxecto, así como a total receptividade e implicación do Concello para impulsar esta iniciativa.
Tamén subliñou a importancia de celebrar estes encontros con empresarios para escoitar as súas necesidades e incorporalas ao desenvolvemento do polígono. Este novo parque empresarial en Eiroa consolidarase como unha infraestrutura clave para atraer investimento, xerar emprego e potenciar o tecido económico da comarca.

