PP e BNG conseguen cos seus votos que o goberno municipal perdan en dous puntos sen apenas relevancia práctica para o concello.

Pasado o ecuador do mandato os políticos comezan a buscar presencia e as veces calquera cousa serve. O último pleno da Baña viu como BNG e PP votaban xuntos nun asunto sen relevancia real.
Os últimos cambios no persoal da Baña, interventor e secretario, obrigaban a cambiar a composición da mesa de contratación permanente. O concello mantiña a mesma composición da mesa para tódolos contratos co fin de axilizar o traballo e non ter que emitir decretos por cada nova convocatoria da mesa.

A intención do alcalde da Baña, José Antonio Pereira, era nomear a actual secretaria e a dúas funcionarias municipais para os postos vacantes da mesa. Dende o BNG, Mónica González propuxo que se tivese en conta o persoal laboral fixo do Concello para ocupar algún deses postos.
Andrés García Cardeso (PP), que na primeira intervención parecía estar de acordo coa proposta do goberno municipal, viu a posibilidade de que o alcalde perdera unha votación e pediu que se establecese un sistema rotatorio entre o persoal municipal.
O alcalde, José Antonio Pereira, replicoulles que, dende que cambiou a normativa, a mesa de contratación permanente sempre estivo composta por persoal funcionario do Concello. A proposta da alcaldía foi rexeitada cos 6 votos en contra de PP (5) e BNG (1), e co voto a favor do PSdeG (4).
Agora o alcalde terá que emitir un decreto coa formación de cada nova mesa de contratación coa composición da mesma, algo que decidirá a Xunta de Goberno na que ten maioría polo que o voto en contra do pleno non ten relevancia algunha no día a día.
Rede Composta
Tamén foi rexeitada a proposta da alcaldía para incluír A Baña na Rede Composta, unha coordinadora de entidades locais de todo o Estado que fomenta a compostaxe, nesta ocasión cos votos en contra do PP e coa abstención do BNG.
José Antonio Pereira lembrou que dende o Concello se están a incrementar as accións de concienciación entre a veciñanza para apostar pola compostaxe doméstica ou comunitaria, coa finalidade de reducir os residuos orgánicos e preservar o medio ambiente. Pereira indicou que xa se repartiran máis de 175 composteiros individuais e colocáronse dous colectivos, un en San Vicenzo e outro preto do colexio, e lembrou que Rede Composta garante a formación dun mestre composteiro na Baña para seguir traballando nesta liña.
O PP opúxose a esta iniciativa alegando que A Baña xa conta con apoio de Sogama para fomentar a reciclaxe e tamén co apoio da Xunta. Pola súa banda, Mónica González optou pola abstención, argumentando que carecía de información sobre esta iniciativa e que non lle fora posible entrar na páxina web desta rede.
O lugar e colocación dos dous composteiros comunitarios foi tamén motivo de discrepancias entre os grupos políticos. PP e BNG amosaron o seu desacordo cos sitios onde están situados, mentres que o alcalde considera que son os máis axeitados para fomentar a participación tanto da veciñanza coma do colexio.
Conta xeral
Na sesión aprobouse a conta xeral do exercicio 2024, cos votos a favor de PSdeG (4) e BNG (1) e coa abstención do PP (5), que deixa un remanente positivo de 75.101 euros “grazas á boa xestión económica que está a facer o equipo de goberno”, afirmou o alcalde.
José Antonio Pereira lembrou durante a súa exposición que cando accedeu á alcaldía o Concello tiña unha débeda de millón e medio de euros. “Agora mesmo gozamos dun remanente positivo de tesourería de 294.046 euros, coa incorporación dos 75.101 euros do ano pasado”, asegurou.
No apartado de rogos e preguntas, o concelleiro de Obras salientou as obras de ampliación do PAI, para converter o centro nunha escola infantil. Está previsto que rematen no mes de decembro, dentro do prazo establecido para xustificar a subvención.
Pola súa banda, Mónica González contestoulle ao PP que as clases da Escola de Música Tradicional comezarán nese mes de outubro, como todos os anos.
