Bisbarra, 22 de marzo do 2024 – O pleno ordinario da Baña aprobou dous convenios de colaboración con distintos concellos para solicitar axudas do INEGA e contratar persoal de orientación laboral.
No primeiro caso A Baña súmase ao acordo de colaboración no que participan Negreira, Val do Dubra, Brión e Paderne. O obxectivo é facilitar a contratación dos servizos xurídicos e técnicos para mellorar a planificación enerxética e a contratación das subministracións así como promover o aforro enerxético. En concreto estes concellos solicitarán en conxunto unha axuda do INEGA para contratar unha asistencia técnica na licitación do alumeado público.
Por outra banda aprobouse o convenio de colaboración entre os concellos de Negreira e A Baña para a contratación de persoal técnico de orientación laboral, co obxectivo de promover a inserción laboral e a orientación profesional na comarca. O alcalde, José Antonio Pereira, destacou a importancia da colaboración interinstitucional para obter recursos e financiamento, subliñando que “esta alianza entre concellos é fundamental para impulsar proxectos de interese común”.
Este convenio implica a solicitude dunha subvención á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, cun montante de 28.000 €, que representa o 71% do custo total do servizo. Dos 11.441 € restantes, o Concello de Negreira contribuirá cun 80% da achega, mentres que o Concello da Baña contribuirá co 20% restante, que supón 2.288 €.
Día Internacional da Muller
Ademais, aprobouse unha declaración institucional polo Día Internacional da Muller, 8 de marzo, que foi consensuada polos tres grupos políticos e lida no pleno polo concelleiro Alberto Blanco. A declaración destaca o compromiso do Concello en promover a igualdade de xénero, loitar contra a violencia e crear unha sociedade máis inclusiva.
Entre os compromisos asumidos resalta a promoción de plans de conciliación, modelos alternativos de coidados e a inserción laboral das mulleres no tecido económico local. Tamén incrementar a colaboración coas asociacións de mulleres do municipio para promocionar a igualdade en todos os ámbitos e promover a adhesión dos negocios locais ao Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas.
Outros temas
A moción presentada polo Partido Popular sobre a normativa dos galiñeiros de autoconsumo foi aprobada cos votos a favor dos 5 edís do PP e a abstención de PSdeG e BNG. A moción insta ao Goberno a modificar o decreto que establece as normas básicas de ordenación das granxas avícolas, co obxectivo de suprimir a obrigatoriedade de rexistro das explotacións avícolas para autoconsumo. O PSdeG abstívose por considerar que está “fóra de tempo”.
A este respecto, José Antonio Pereira aclarou que “dende o Concello estamos colaborando cos veciños para axudarlles a facer ese trámite de inscrición no rexistro de explotacións “. Mónica González (BNG) tamén se abstivo argumentando que “chega tarde”, ao tempo que recordou que é “unha norma que invade competencias galegas e non se axusta á nosa realidade “.
A moción do PP sobre o apoio ao sector gandeiro foi aprobada por unanimidade. Na mesma, denúnciase o aumento da carga burocrática para o sector e esíxese unha moratoria da normativa europea.
Na parte de rogos e preguntas tratáronse diversos temas de interese para a veciñanza, como os labores de mantemento e limpeza de camiños e zonas do concello, así como a axilización dos trámites de dependencia en Servizos Sociais.