Bisbarra, 31 de maio do 2024 – O plneo municipal da Baña aprobou unha ordenanza de ruídos que busca combater a implantación de proxectos eólicos no termo municipal.
A ordenanza foi aprobada por unanimidade e será sometida agora a exposición pública. O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, explicaba que “Actualmente non existe zonas de ruído na Baña, nin empresas que xeren ruído, pero diante da proliferación de parques eólicos que queren poñer na Baña necesitamos esta ferramenta xurídica para poder defender á veciñanza”. Pereira tamén informou da inclusión dunha alegación presentada pola veciñanza.
Na sesión celebrada onte tamén se acordou que un representante de cada grupo político (José Antonio Pereira, Mónica González e Andrés García Cardeso) representen ao Concello da Baña na Mancomunidade Xallas-Tines-Tambre, que xestiona o antigo matadoiro da Pereira, que leva preto de vinte anos inoperantivo tras sufrir un incendio en 2007. A intención dos sete concellos que conforman esta entidade e disolver a mancomunidade.
A moción do PSdeG solicitándolle á Xunta de Galicia unha maior financiación do servizo de axuda no fogar (SAF) que “está afogando economicamente aos concellos pequenos” foi aprobada cos votos a favor de PSdeG e BNG e o voto en contra do PP. Dende o equipo de goberno rexeitaron incluír o punto solicitado polos populares para instar tamén ao goberno central a cumprir coas aportacións establecidas na Lei de Dependencia.
A moción do BNG contra a construción da megafactoría de Altri en Palas de Rei foi aprobada cos votos a favor do equipo de goberno (PSdeG e BNG) e a abstención do PP.
Por unanimidade aprobouse a moción presentada por Mónica González en nome da asociación Acougo solicitando para as familias acolledoras o recoñecemento de familias de especial protección e que os menores en situación de acollemento familiar teñan a condición real e efectiva de fillos ou fillas.
Por unanimidade acordouse bonificar o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (a licenza de obras) ao CPI San Vicente, que este verán quere pintar con fondos propios algunhas das dependencias do centro. Tamén todos os grupos votaron a favor de solicitarlle ao goberno central a urxente tramitación da Lei ELA, para axudar as persoas con escleroses lateral amiotrófica e as súas familias.