Bisbarra, 31 de outubro do 2023 – A Baña ve como acaba o mes e as obras do CPI San Vicente seguen sen rematarse, con ese motivo a comunidade escolar e os representantes municipais concentráronse diante do colexio.
Foi a principios de mes cando o alcalde, José Antonio Pereira, e a tenente de alcalde, Mónica González, tiraban do xefe territorial da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, o compromiso de que as obras do CPI San Vicente estarían rematadas este mesmo mes.
Vendo que a promesa sería incumprida, e que as obras seguen causando alteracións e problemáticas diversas no colexio, a comunidade escolar decidiu concentrarse en protesta pola situación.
Na concentración participaron tamén os representantes municipais que reclamaron, unha vez máis, da Consellería de Educación da Xunta de Galicia solucións a este problema e responsabilidade a hora de cumprir os compromisos adquiridos.