A Baña, 30 de agosto do 2017 – O Campamento urbano da Baña, que se desenvolve na área recreativa de Agra de Chans, dedicou a última semana aos instrumentos e xogos tradicionais.
Os nenos do campamento teñen idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos e en esta última semana contaron coa presenza dun dos mellores gaiteiros do país Emilio Lois, coñecido popularmente como Emilio da Baña que lles mostrou moitos dos misterios dos instrumentos.
Emilio explicou aos cativos os diferentes instrumentos musicais e tradicionais de Galicia e lles amosou as diferenzas entres eles. Así puideron ver, tocar e oír a gaita, a requinta, a frauta, o acordeón, as culleres, o pandeiro, a pandeireta… Tamén aprenderon a realizar instrumentos con material de refugallo como o melitón, o asubío de avelán ou a gaita de cana. O obradoiro musical conducido polo mestre gaiteiro Emilio da Baña foi a guinda ao campamento de verán.
Ao longo deste mes, os nenos participantes no Campamento urbano traballaron diversas materias como arte e manualidades, olimpíadas (con deportes como o acrosport, hóckey, pimpón ou probas de atletismo e mesmo psicomotricidade) e aproveitaron para mergullarse na cociña e sorprender con algunhas receitas doces e salgadas moi divertidas.
Durante a pasada semana os nenos e as nenas dedicáronse a recuperar xoguetes e xogos tradicionais (escopeta de millo, a mariola…), a facer bonecos con material de refugallo e mesmo a preparar unha peza tradicional galega como é A saia da Carolina para a que confeccionaron con imaxinación e moito colorido as diversas saias da Carolina. Tampouco faltaron pequenas excursións á piscina municipal para refrescarse e disfrutar da auga.
O Campamento de verán clausúrase este xoves día 31, día no que todos oos asistentes terán a oportunidade de gozar, aprender e cantar coas Aventuras de Mamá Cabra. Nesta ocasión, Gloria Mosquera en compañía de Diego Maceiras, ás teclas e percusións, levarán ao público polas creación do grupo, enchendo o espazo de notas musicais e de historias máxicas. A actividade, enmarcada no programa Ler conta moito, desenvolverase na área recreativa de Agra de Chans, ás 12:00 horas. É de balde e aberta ao público.