Bisbarra, 11 de xaneiro do 2023 – O Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anuncia na Baña un investimento de máis dun millón de euros para a rehabilitación do CPI San Vicente.
Rodríguez visitou este martes as instalacións do CPI acompañado do alcalde, Andrés García Cardeso, e outros membros da corporación. O obxectivo principal do proxecto e mellorar a eficiencia enerxética do edificio.

Segundo explicou Román Rodríguez, entre as actuacións previstas inclúense traballos nas cubertas e fachadas para mellorar a impermeabilización da estrutura e tarefas de carpintería exterior. Tamén se actuará nos acabados interiores e nas instalacións (aseos, instalación eléctrica e iluminación) e renovaranse un total de 121 ventás e 300 luminarias.
“Queremos renovar e acondicionar o colexio adaptándonos ás novas necesidades do alumnado e profesorado e seguindo as pautas do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que, cun investimento de 191 millóns, estamos facendo máis confortable e sustentables os centros escolares galegos”, remarcou o conselleiro de Educación.


Andrés García Cardeso dixo pola súa banda que o anuncio de Educación “é unha moi boa nova; os nenos e as nenas da Baña terán unhas infraestruturas educativas en condicións”. A previsión é adxudicar as obras en tres meses e iniciar os traballos o antes posible, tendo en conta que o groso das actuacións están previstas durante o verán, “de tal xeito que poidan estar finalizadas entre setembro ou outubro”, indicou o alcalde.
A rehabilitación integral do CPI de San Vicente da Baña súmase ás actuacións efectuadas pola Xunta neste centro escolar nos últimos anos e nos que, segundo explicou o titular de Educacións, contribuíu a solucionar problemas ocasionados na cuberta, o acondicionamento do aseo para o alumnado con necesidades especiais e os arranxos na zona escolar, entre outros.
