A Baña, 19 de xullo do 2019 – Compromiso x Galicia remitiu unha nota de prensa na que explica que ofreceu ao Psoe a posibilidade de desbloquear a situación na Baña compartindo a alcaldía dous anos cada grupo.
Tras a xuntanza mantida cos representantes da agrupación socialista da Baña, na que CxG lle ofreceu a posibilidade de ostentar a alcaldía dous anos cada candidato, Ramos incidiu na necesidade de chegar a un acordo para acadar o benestar da veciñanza. Explica que esa mesma soución tomouse en concellos como o veciño de Santa Comba e apuntou que “o máis lóxico e a mellor opción para A Baña sería consolidar un proxecto progresista conxunto. Debemos esquecer as diferenzas da anterior lexislatura e pensar exclusivamente no futuro do noso municipio”.
A formación galeguista puxo o foco en que a decisión adoptada no acto de investidura do pasado 15 de xuño, respondeu unicamente “ao cumprimento da palabra dada á nosa veciñanza” pois comprometéranse a posibilitar o “ansiado cambio político” que precisaba o Concello. Finalmente, a formación verde destacou que se grupo socialista non acepta a proposta de CxG, continuarán, como até de agora, co seu traballo de fiscalización municipal desde a oposición.
Asemblea socialista
Desde o Psoe non hai unha decisión tomada. Esta fin de semana a Agrupación local terá unha asemblea na que se debaterá a proposta e tomarase unha decisión.