Compostela, 21 de maio do 2019 – As festas de Santiago recuperan unha das probas deportivas máis clásicas da cidade, a Volta Ciclista da Ascensión.
Será o próximo 30 de maio cando se celebre a XIX Volta Ciclista da Ascensión a partir das tres e media da tarde con saída, e chegada, na avenida de Xoán Carlos I. O premio levará tamén o nome de Cidade de Santiago e foi presentado en rolda de prensa pola concelleira, Noa Morales, que cualificou o evento como “unha gran oportunidade de ver moi bo ciclismo e de apostar tamén polo deporte do marco das festas da Ascensión”. Xunto á concelleira estiveron o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; o presidente do Club Ciclista Compostelano, José Luís Neira, e Antía María Lois Gende, alumna do Colexio La Salle e autora do cartaz da proba.
A carreira terá un percorrido de case 130 quilómetros por Compostela e concellos do entorno, con dous portos puntuables, o alto de San Xurxo de Vea e o alto de Quintáns. A proba é a segunda do calendario da Copa Galicia 2019 e tamén é valedoira para a clasificación estatal nas categorías Elite e Sub-23.
Escolas e Cadetes
Este XIX Trofeo da Ascensión contará tamén cunha proba para as categorías Escola e Cadetes. Será o sábado 1 de xuño, a partir das 16:30 horas, nas inmediacións do Estadio Vero Boquete de San Lázaro.