Ames, 30 de xaneiro do 2019 – A ANPA do IESP de Ames ven de emitir un comunicado no que se critica a pouca vontade da dirección do centro para conseguir que todos os solicitantes participen nunha viaxe cultural a Londres.
A Xunta Directiva da ANPA explica que tivo coñecemento do malestar xerado entre as familias dos estudantes de 3° da ESO que resultaron excluídos dunha viaxe a Londres. Ao convocarse só 40 prazas realizouse un sorteo do que quedaron excluídos 15 alumnos. A viaxe foi promovida por dous departamentos do centro, recollida como actividade na “Programación Xeral Anual 2018-19” e costeada polos pais.
Desde a asociación comprenden a necesidade de garantir que o centro non quede sen profesores mentres dure a viaxe e asumen que o sorteo foi anunciado previamente. Pensan de todos xeitos que sendo 54 o total de apuntados na data do sorteo, non hai razóns obxectivas para non poder arranxar o conflito da exclusión de 15 alumnos, respectando cupos legais, contratando monitor ou tendo en conta que no mesmo NOF queda recollida incluso a posibilidade de ir acompañados por nais ou pais do centro.
A ANPA solicitou á Dirección, ante o Consello Escolar do pasado 24 de Xaneiro, que fora estudada a viabilidade dunha ampliación do cupo que incorpore a todo o alumnado solicitante. Na mesma sesión do Consello Escolar a Xefa do Departamento de Física e Química ofreceu a colaboración do seu Departamento para organizar a viaxe incluíndo a todos os interesados en participar. A resposta da Directora do IES de Ames foi sempre negar o “suposto conflito”, por non existir queixas por rexistro das familias, e dar o asunto por pechado.
A Xunta Directiva da ANPA do IESP de Ames defende que a oferta de actividades educativas extraordinarias debe respectar o principio de equidade de oportunidades de participación, sen engadir máis trabas que as propias da necesidade de autofinanciación do custo por cada familia. Polo tanto, dada a posición da Dirección do IES, invitan ás familias que compartan o dereito dos 54 a participar na actividade, para que presenten no rexistro da Secretaría do IES de Ames un escrito no que manifesten a súa solicitude dunha organización do viaxe a Londres para todos os interesados en participar.