займ срочно

A ampliación do Museo do Pobo Galego a piques de ser realidade

0

Compostela, 2 de marzo do 2021 – A intervención que permitirá a ampliación do Museo do Pobo Galego, cun investimento de máis de 3,4 millóns de euros, está a piques de concluír.

Este martes o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; visitaron  o edificio para coñecer o resultado das obras.

Na visita ao Museo do Pobo  estiveron tamén o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e vicepresidente segundo do Consello de Administración do Consorcio de Santiago, Román Rodríguez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi; xunto á xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

Toda a historia de Galicia

A planta baixa desta parte do conxunto vaise destinar a exposicións temporais. A primeira planta terá uso de oficinas, estudos e seminarios. O segundo andar acollerá parte da exposición permanente do Museo e o baixo cuberta seguirá empregándose como almacén de pequenas pezas. O Museo do Pobo Galego relataba a historia de Galicia ata os anos 70 e agora, grazas á ampliación, amosará -tal como destacou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo- “a Galicia contemporánea, democrática, autonómica e constitucional, un cadro completo de Galicia”. O presidente declarou que agarda que o proxecto de musealización estea rematado para o vindeiro mes de xullo. 

O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, lembrou que esta intervención representa “a obra de maior calado acometida polo Consorcio de Santiago nos últimos anos” e salientou que “é un orgullo para a cidade poder gozar deste edificio monumental tan ben conservado e agora tan ben renovado”. Pola súa parte, o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, indicou que “o museo vai case duplicar a súa superficie útil, podendo así completar as salas da historia de Galicia”. O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, puxo de relevo que “esta obra é o resultado da cooperación das tres Administracións, o que permitirá ter reunida a historia completa de Galicia en todo o seu esplendor”.

Accesibilidade e melloras

Nesta actuación seguíronse as directrices do Plan Director do Conxunto de San Domingos de Bonaval, desenvolto polo Consorcio de Santiago como promotor, e cuxos autores son os arquitectos Celestino García Braña e Xerardo Estévez Fernández. Entre as obras que se levaron a cabo, destaca a creación dun núcleo de comunicación vertical que vai ser útil tamén para o edificio principal. Este núcleo, que dá acceso a todas as plantas do edificio, está integrado por un ascensor de alta capacidade (13 persoas) que permite mellorar a accesibilidade e por unha escaleira que une todas as plantas. Nesta mesma zona do núcleo de comunicación habilitáronse aseos novos.

Interveuse nas fachadas desta ala sur, que se sanearon e revocaron. Así mesmo, buscábase mellorar as condicións térmicas, con especial atención ás cubertas, que se someteron a unha reestruturación completa. Por outro lado, incorporáronse instalacións de acondicionamento térmico, fontanería e saneamento, electricidade, telecomunicacións, seguridade, prevención antiincendios…; imprescindibles para os novos usos da ala sur. Apostouse pola xeotermia como forma de enerxía sostible, converténdose no primeiro edificio patrimonial da cidade en empregar este tipo de enerxía para o acondicionamento térmico do inmoble. Ademais, previuse a evacuación do gas radón a través dun novidoso sistema de sumidoiros.

Na zona sur do primeiro e segundo andar substituíuse a estrutura do solo. E a obra incluíu a limpeza e restauración da reixa da fachada da anteigrexa de Bonaval.

Importantes achados e reconstrución do edificio en 3D

Antes de intervir neste edificio monumental, construído na década de 1650 e no ámbito da igrexa de San Domingos, declarado Ben de Interese Cultural en 1912, e segundo avanzaba a intervención, realizouse unha lectura de paramentos do mesmo, o que representou “unha oportunidade única para saber como era o inmoble nas súas orixes. Obtivemos información moi valiosa que incorporamos ao conxunto, co fin de que a intervención conservase a traza orixinal do edificio, recuperando o valor patrimonial do inmoble na medida do posible” -explicou a arquitecta Idoia Camiruaga-.

No transcurso das obras quedaron ao descuberto importantes restos como os da capela neogótica do antigo hospicio, de arredor de 1898, unha pía de auga bendita, unha fonte, identificouse un armario de madeira de castiñeiro correspondente tamén ao período de transformación do edificio en hospicio, entre outros achados.

Levouse a cabo un levantamento do edificio con tecnoloxía 3D, de grande utilidade para coñecer mellor como era o edificio orixinal e cal foi a súa historia construtiva. No futuro servirá ademais para poder realizar visitas virtuais polo interior do inmoble para desfrute de estudosos e curiosos.

Nas vindeiras semanas, e na medida en que as restricións sanitarias o permitan, o Consorcio de Santiago realizará visitas guiadas ao edificio para os veciños e colectivos interesados.

Respecto pola contorna

Antes de comezar as obras, encargouse un estudo de especies protexidas á ONG SEO-Birdlife. Atopáronse cirrios, pardais, rabirrubios, curuxas, grallas, rulas e dúas especies de quiróptero. Traballouse na obra de xeito que estas especies poidan seguir habitando o edificio sen interferir coas actividades humanas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies