Compostela, 23 de decembro do 2016 – Ante as reiteradas informacións que acusan de plaxio ao actual reitor da Universidad Rey Juan Carlos, D. Fernando Suárez Bilbao, e tendo en conta o coñecemento público de documentación numerosa e variada que acredita tal acusación, o Consello do Departamento de Historia da USC acordou, na súa sesión de 21 de decembro de 2016, pronunciarse nos seguintes termos:
- Reprobar a persistente e tramposa práctica de D. Fernando Suárez, que atenta contra a ética académica e cuestiona os mecanismos de control e avaliación da actividade investigadora, prexudicando a toda a comunidade universitaria e danando a súa credibilidade.
- Manifestar o apoio e solidariedade cos investigadores directamente afectados, entre os que se conta o profesor D. Carlos Barros Guimeráns, que o foi deste Departamento ata a súa recente xubilación.
- Deplorar as actitudes e manifestacións que dende diversas instancias mediáticas, académicas e políticas amparan ou minimizan os feitos denunciados, en inadmisible exercicio de ignorancia e condescendencia.
- Reclamar o pronunciamento claro e rotundo a este respecto da Facultade de Xeografía e Historia e da Universidade de Santiago de Compostela.