No ano 2008 nace a sala Compostela de Esgrima histórica. Todo nace un ano antes, Tomás Ahola e Efrén Faraldo asisten a unha clase de combate no contexto dunha feira medieval e comezan unha investigación pola súa conta sobre ese tipo de loita. Tomás e Efrén descobren que existe abundante documentación de como se loitaba en Europa nos séculos do XIII ao XVI. Ttras conseguir copia dos manuais da época comezan a practicar e un ano despois realizan unha presentación na Universidade de verán da Gentalha do Pichel en Compostela.
A partir de ese momento organizan o primeiro grupo de adestramento habitual nunha das salas. No 2010 a cesión dun pavillón municipal serve de reforzo e o grupo crece de forma constante até chegar a este 2014 que conta con 27 participantes adestrando en grupos que van das 10 ás 15 persoas. Este ano a sala convértese ademais en Gallaecia in Armis ao conseguir un local propio e integrar a Jogo de Pau Compostela, un colectivo centrado no estudo desta arte de combate con raíces nas ribeiras luso galaicas do Miño.
Denís Fernández Cabrera explica que o que tenta Gallaecia in Armis é “reconstruír tradicións de combate que existen e están documentadas, por exemplo non facemos combate viquingo porque non hai documentación de como loitaban os viquingos, se podemos facer Kunst deas Fechtens que é a escola de combate do norte do sacro imperio romano dos séculos XIV ao XVI”, Trátase en definitiva de recuperar as artes marciais europeas que existiron do mesmo xeito que as asiáticas pero que, coa construción do estado moderno e a aparición da sociedade civil, fóronse perdendo aos poucos.
Xunto a Gallaecia in Armis naceu Suevia , unha asociación dedicada ás recreacións de combates tratando de ser o máis fieis posibles a como se desenvolvían naquela época, Denís dinos que existen contextos moi ben definidos como os duelos xudiciais “na tradición xermano escandinava o duelo xudicial é unha forma legal, regulada e aceptada pola sociedade de solucionar disputas cando non hai probas; se eu acuso a alguén de algo o suficientemente grave, un asasinato ou unha violación, e esa persoa oponse a min, se son dunha clase o suficientemente alta podo demandar un xuízo por combate que o que fai é demandar a Deus, Deus non vai deixar que un culpable salga vitorioso do combate, a igrexa católica perseguiu moito esta costumbre porque era unha intercesión directa a deus”.
Gallaecia in Armis traballa agora para crear grupos con alumnos máis novos con lemas como “por que ser princesa pudendo ser guerreira?” “Esgrima histórica para xente nova” , trátase de crear aulas con nenos dos 10 aos 15 anos e outras para adolescentes xa que este deporte desenvolve a concentración e a autodisciplina, mellora as capacidades físicas e mentais ademais de servir como defensa persoal.