Vila de Cruces, 8 de xaneiro do 2021 – Celébranse sesenta anos da publicación de Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, unha das obras máis vendidas da literatura galega.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou no acto de conmemoración da obra de Neira Vilas da que salientou a súa capacidade de seguir transmitindo, 60 anos despois, “o orgullo pola lingua e a querenza pola literatura desde a infancia, así como por ter espertado a paixón pola lectura a numerosas xeracións de galegos e galegas” converténdose, dixo, “na obra máis lida e traducida da literatura galega, best seller e símbolo universal”.
Memorias dun neno labrego leva 700.000 exemplares publicados en 35 edicións. Foi traducida a idiomas como o alemán, o sueco, o romanés, ucraíno, búlgaro, o esperanto, o checo, o maia ou o ruso, mesmo hai unha edición en Braille. Estes datos o converten ao libro de Xosé Neira Vilas no libro escrito en galego máis traducido e editado.
Herdanza artística
O acto contou coa presencia, ademais do Conselleiro Román Rodríguez xa mencionado, do presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e do presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal.
A conmemoración desta efeméride completouse coa presentación do documental Un legado de futuro, un novo contido audiovisual que achega datos relevantes sobre Neira Vilas o seu tempo e a súa obra.
Seis décadas despois da súa publicación e un lustro desde o pasamento de Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, que saíu do prelo da editorial Follas Novas de Bos Aires en xaneiro de 1961, segue revalidando o seu posto entre as dez obras máis vendidas en 2020 pola Editorial Galaxia. Para alén disto, numerosas adaptacións e iniciativas sociais, editoriais, teatrais, audiovisuais, musicais e pictóricas configuran e completan o universo Balbino, a herdanza artística do autor de Vila de Cruces máis universal.