Compostela, 11 de xullo do 2019 – O concello de Santiago celebrou a primeira Xunta Local de Seguridade de esta lexislatura coa seguridade das Festas do Apóstolo como tema prioritario.
A Xunta contou coa presenza da subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Riobóo que xunto co alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, presidiron a reunión. O dispositivo de seguridade, explicou o alcalde, “será semellante ao dos anos pasados”, contando coa Policía Local e a Policía Nacional, tanto cos efectivos da comisaría de Santiago como cos da UIP. “Entendemos que será unha dotación suficiente”, engadiu. Preguntado sobre o número concreto de axentes, o rexedor calculou sobre 280 policías nacionais, sobre 100 policías locais e uns 70 da unidade de intervención.
Unha cidade segura
Santiago é un concello no que nos últimos dous meses se constata unha diminución na maioría de delitos denunciados. A subdelegada do Goberno, Pilar López-Riobóo, subliñou que estamos “nun concello seguro”. Ademais, mostrou a súa confianza en que todo o traballo dos efectivos implicados chegue a bo porto e as festas se desenvolvan sen incidentes.
Os Fogos
Con relación aos fogos do Apóstolo, o alcalde informou que, de acordo coa normativa legal, xa está solicitada a autorización. Adiantou que será o último ano no que se botarán os fogos dende o tellado do Concello: “foi unha solución provisional que se habilitou no seu día durante as obras da Catedral, que podemos dar por válida durante un período temporal acotado”. Argumentou a decisión na repercusión mediática, “moito maior se os fogos son dende a Catedral”, e nos riscos, moito máis altos no Concello, xa que a estrutura dos teitos é de madeira, e na Catedral é de pedra.
O rexedor engadiu que “a partir de xa abordaremos este tema coa Xunta de Galicia, coa Dirección Xeral de Patrimonio e co propio Cabido da Catedral”. Estudarán as posibles solucións para a súa ubicación, “pero o meu criterio é que o próximo ano os fogos se vexan dende o Pazo de Raxoi proxectados na fachada da Catedral”.
Móbiles e ocupas
Na reunión tamén se fixo un repaso da situación e dos cambios dende a última Xunta Local de Seguridade, celebrada no mes de maio. A evolución, sinalou Bugallo, “é positiva, cunha redución do número de delitos denunciados”. A única excepción son, segundo explicou, “os furtos de móbiles vinculados aos concertos do Monte do Gozo, pero é difícil saber en que medida foron furtos ou perdas, porque se denunciaron cen furtos e apareceron sesenta móbiles extraviados”.
Tamén repasaron “a problemática derivada dalgunhas ocupacións que se están producindo na cidade por parte de determinadas persoas”. O alcalde clarou que é un tema que depende “dunha decisión xudicial”, e que as forzas de seguridade e o Concello non teñen competencias nin para presentar a denuncia, nin para actuar sen mandato xudicial. “Gustaríanos que se puideran ditar resolucións máis rápidas, porque estamos vendo ocupacións que se están prolongando meses e meses”, engadiu.