Compostela, 10 de xullo do 2019 – Estas vindeiras festas do Apóstolo terán unha conmemoración moi especial xa que o Día do Traxe Galego cumpre 40 edicións.
Con este motivo a Asociación do Traxe Galego preparou con especial coidado os actos que terán lugar o próximo 20 de xullo. O certame e o desfile polas rúas serán coma sempre os eixes centrais da xornada.
O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños animou a todos os veciños e veciñas a “participar e encher as rúas de xente ataviada co traxe galego. Ademais, o Concello quere sumarse a este aniversario tan especial, polo que todos/as que entren na Quintana vestidos co traxe galego recibirán un agasallo.
A encargada de explicar todos os detalles da xornada foi Pilar Astray, presidenta da Asociación do Traxe Galego, quen agradeceu a colaboración do Concello, que “nos fai sentir importantes no tecido cultural de Compostela”. Tamén cualificou como “especial” a celebración deste ano e convidou a veciños e veciñas a participar nesta exhibición das “roupas que nos identifican como pobo e como cultura”.
Desfile e concurso
O tradicional desfile do Día do Traxe partirá da Alameda ás 12:00 horas e percorrerá a zona histórica pasando por Porta Faxeira, Toural, rúa do Vilar e Praterías, baixando despois ata o Obradoiro e a igrexa de San Paio de Antealtares. Para participar non é precisa a inscrición, senón que abonda con presentarse na saída da Alameda cuns minutos de anticipación. Ao remate do desfile celebrarase unha misa (13:00 h) e logo, ás, 14:00 horas, a comitiva será recibida no Concello de Santiago.
A inscrición si é necesaria para o Certame, cubrindo a folla de solicitude que se facilita no servizo de Atención ao Cliente de El Corte Inglés de Santiago (soto 1). O prazo de presentación de solicitudes remata o 19 de xullo ás 14:00 horas.
Como é habitual, as persoas participantes deben congregarse en San Domingos de Bonaval, a partir das 16:00 horas, para que as súas indumentarias sexan analizadas polo xurado. Despois, ás 19:30 horas, desfilarán dende as portas do Museo do Pobo Galego ata a praza da Quintana, pasando por Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, rúa Nova, rúa do Vilar e Praterías. Na Quintana terá lugar a exhibición de traxes e a entrega dos premios do certame. A xornada pecharase coa interpretación do Himno Galego.

