A Estrada, 15 de xuño do 2019 – A Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo vén de pechar definitivamente o programa da edición 2019, que se desenvolverá entre o xoves 4 e o luns 8 de xullo.
Na programación da Rapa cunha manteñense os tres curros tradicionais e inclúe preto de 25 actividades diversas nas cinco xornadas da festa.
O programa arrancará o xoves 4 á noite coa 10ª Gala na honra dos aloitadores, que dará paso, xa ao día seguinte, á misa de San Lourenzo ás 6.30 horas e a saída ao monte dende O Celeiro, media hora despois, para buscar as bestas. Como é habitual, as greas congregaranse no Peón e encamiñaranse cara o Castelo, antes dun tempo de asueto para, xa as 23.00 horas, comezar coas primeiras actuacións do Festival Rapasons con Tanto nos Ten, Monolious Dop, Os Benignos e Funkiwis.
O sábado 5, haberá xuntanza ás 11.00 horas no Celeiro para baixar as bestas coa previsión de que entren na aldea sobre as 14.00 horas. Pola tarde, sobre as 19.00 horas celebrarase a primeira rapa do ano e as persoas interesadas en asistir, tanto a este como aos demais curros, xa poden adquirir on line as súas entradas, a un prezo de dez euros, a través da plataforma Eventbrite.
Na xornada sabatina, as actuacións do Rapasons, que este ano conta cun cartel moi ambicioso con ata vinte grupos distintos durante toda a fin de semana, corresponderán á Banda de Música Cultural da Estrada, Mekanika Rolling Band, Tequexetéldere e Airiños de Caldelas, así como ás orquestras Gran Parada e D´Moda na verbena.
O domingo 6 celebrarase a segunda rapa ás 12.00 horas e o resto da programación será eminentemente musical con Rosa Cedrón, Airiños de Caldelas e Festicultores, a sesión de Foliada con Oradaladou, Pandereteiras do Val de Quireza con Foula, os temas de Pablo Díaz para o público infantil, De Vacas e Os Carunchos e a verbena da man de New York e Miramar. Ademais, e ao igual que na xornada do sábado, haberá xogos para a cativada no Campo do Medio en quendas de mañá e tarde.
Finalmente, o luns 8 será a xornada de clausura coa súa programación habitual, que inclúe o terceiro curro ás 12.00 horas, e cuxo fin solidario pecharase nos vindeiros días, o acompañamento musical de Airiños de Caldelas e, xa pola tarde, a solta das bestas cara os montes da bisbarra. Toda a información pode consultarse, de xeito actualizado, a través da páxina web http://rapadasbestas.gal/ e dos perfís oficiais nas redes sociais Facebook e Instagram.
Xa co programa pechado, A Rapa das Bestas de Sabucedo está a intensificar as labores de promoción desta festa internacional, que comezaron coa sua presenza en Fitur o pasado mes de xaneiro. As mesmas xiran en torno aos cartaces promocionais da propia Rapa e do festival Rapasons, que nesta edición están ilustrados con imaxes de Sindo Novoa e Antonio Pedrosa, respectivamente, aos que a asociación quere agradecer a súa colaboración.