Compostela, 4 de agosto do 2017 – O ciclo Monumenta. Andar con arte inicia na fin de semana a súa quinta edición en Compostela tendo como protagonista a Domingo Fontán.
A sesión de mañá sábado, que se presenta baixo o título Dous séculos do rostro de Galicia, seguirá os pasos do ilustre xeógrafo, autor do primeiro mapa topográfico científico do territorio de Galicia.
As persoas inscritas na andaina, que arrancará ás 10:30 horas no Museo do Pobo Galego, terán ocasión de ir descubrindo distintas vertentes da figura de Fontán a través de lugares clave da súa vida e obra, como o Panteón de Galegos Ilustres, a Facultade de Xeografía e Historia, a Praza da Quintana, o Colexio de San Xerome ou o Claustro de Fonseca. Logo desta primeira parte centrada nunha ruta urbana, a xornada proseguirá por vías rururbanas e un camiño forestal de ascenso ata o monte Pedroso.
Camiñantes convidados
Para afondar na descuberta de Domingo Fontán e do patrimonio cultural da capital galega, a xornada contará con dous camiñantes convidados: Juan López Bedoya, xeógrafo formado na Universidade de Santiago de Compostela, e Manuel Anxo Freire Boado, cartógrafo, que fará un transepto de medicións con distintos aparatos que recrearán parte do traballo científico de Domingo Fontán.
Os cultos en Santa Mariña de Augas Santas
Ao día seguinte, o domingo 6 de agosto, Monumenta chegará ao municipio ourensán de Allariz, onde se desenvolverá a xornada Os cultos en Santa Mariña de Augas Santas. A sesión xirará arredor desta igrexa, cuxa contorna foi declarada Monumento Histórico-Artístico no ano 1931. Santa Mariña de Augas Santas constitúe un centro cultural desde hai máis de 2000 anos, no que conflúen os restos arqueolóxicos e históricos, a toponimia e a memoria oral dos veciños da parroquia.
As persoas interesadas en participar en ambas as andainas, axeitadas para todos os públicos, deben inscribirse na web https://monumentagalicia.com.