Compostela, 12 de maio do 2017 – A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou este xoves, acompañada da presidenta de Viravolta Compostela, Wendy Rey, e do responsable de Jael Joyería, José María Fernández, o Campionato Provincial de Ximnasia Rítmica, que se celebra o vindeiro mércores 17 de maio no Multiúsos Fontes do Sar.
A concelleira definiuno como “un evento moi potente de diversas categorías: sénior, cadete, alevín, prebenxamín, benxamín e infantil, que participarán en diversas modalidades como mazas e aros, cordas e pelotas, aros e pelotas e mans libres”. Celebrarase durante toda a xornada en horario de mañá e tarde e polo Multiúsos Fontes do Sar pasarán arredor de 500 ximnastas de máis de 15 clubs de Galicia.
Noa Morales engadiu que se trata dunha “xornada lúdica pero tamén de fomento do deporte base e da ximnasia rítmica, para que a veciñanza de Compostela se familiarice cun deporte que move a moita xente a pesar de non ser tan coñecido como o fútbol ou o baloncesto”.
Durante a xornada de mañá haberá un total de 82 actuacións, nas que participarán tanto en categoría individual como de clubs e, pola tarde, na fase de promoción participarán 44 ximnastas en categoría individual e haberá 30 actuacións colectivas. A entrada é de balde, aínda que o club organizador entregará os donativos que voluntariamente ofreza o público á Asociación de nenos oncolóxicos de Galicia.
Homenaxe a Marta Cobo e Carolina Rodríguez
Este evento deportivo servirá tamén como “forma de homenaxear a dúas deportistas galegas como Marta Cobo e Carolina Rodríguez, que conseguiron diplomas olímpicos as veces que participaron nuns Xogos”, informou Wendy Rey. Ademais haberá unha demostración da propia Carolina Rodríguez entre as 14:10 e as 14:15 horas.
O responsable de Jael Joyería, principal patrocinador do evento, destacou o compromiso “co deporte base e con Viravolta Compostela, que é o único club de Galicia que conta con patrocinador oficial”.