Compostela, 21 de novembro do 2018 – Tras o éxito de Historias extraordinarias (2008), Mariano Llinás converteuse, xunto a Lucrecia Martel, no autor arxentino de referencia no que vai de século. En La flor xoga cos xéneros e a temporalidade de tal xeito que o que nos ofrece é un filme de case catorce horas.
Os capítulos de La Flor encadéanse en ata seis historias diferentes, todas elas protagonizadas por catro actrices, e nas cales Llinás trebella cos subxéneros tradicionais: o cinema de terror, o melodrama kitsch coas guerras dos Rose dun dúo Pimpinela, unha fascinante trama de espías que bebe directamente de John Le Carré, unha relectura d’Una partie de champagne de Renoir. Obra de obras, aproximación a unhas Mil e unha Noites pampeira, é La Flor un experiencia de xenio libre imprescindible. Dada a súa longa duración, o filme máis desexado por todos os festivais exhibirase en tres partes en días consecutivos. Este mércores poderán ver a primeira parte ás 19:30 h no Cinema Numax.
Pola súa banda, Touch me not, de Adina Pintilie, poderá verse no Salón Teatro ás 23:45 h. O filme da cineasta romanesa visita Cineuropa cun polémico Oso de Ouro da Berlinale baixo o brazo. O seu marco difuso entre a ficción e o documental aplícase a unha serie de personalidades con sexualidade complexa e a outros que superan as súas dificultades dun xeito que uns tildan de reaccionaria e outros de fascinante. É preciso vela para poder xulgala.
Á tardiña no Museo das Peregrinacións, os cineastas Eugenio Canevari e David Hernández tamén presentarán os seus último filmes: Figuras (18:15 h.) e La felicidad de los perros (20:15 h.).
Outra das estreas deste mércores é In Fabric, que se poderá ver no Principial ás 20:15 h. Tras a sensacional O Duque de Burgundy, Peter Strickland retorna a Cineuropa con este quebracabezas de pánico insondable, con esa idea dunha pequena tenda dos horrores na cal o departamento de rebaixas devén trampa para incautos. In Fabric constrúe —con esa fascinante composición escénica de Strickland do kitsch como arma erótica e tamén como dispositivo de terror— un argumento sobre elementos do fantastique e outros pertencentes ao onirismo máis perturbador.
Sauvage, de Camille Vidal-Naquet, a gran revelación da pasada Semana da Crítica de Cannes —premiado tamén en Xerusalén—, exhibirase no Salón Teatro ás 22 h. É cinema radical que propón a inmersión no latexo dun personaxe de marxinalidade extrema —un mozo politoxicómano que exerce a prostitución na rúa—, que é quen de elevar de entre as sórdidas acometidas dese submundo un discurso case poético de fe no amor.
De entre as estreas do día non debemos esquecer a programación (en Numax ás 17:30 h.) dese agudo e apaixonado estudo etnográfico do tenis que é Buscando a perfección. Este documental de Julien Faraut utiliza aquela mítica final de Roland Garros que enfrontou a John McEnroe e Ivan Lendl para realizar un profundo estudo do tenis e todo o que rodea este deporte mediante un ensaio audiovisual sobre a relación entre o cinema, o tenis e o impulso competitivo.
PROGRAMACIÓN CINEUROPA MÉRCORES 21
TEATRO PRINCIPAL
17:00 THE WILD PEAR TREE Nuri Bilge Ceylan
20:15 IN FABRIC Peter Strickland
22:30 SUNSET / ATARDECER László Nemes
SALÓN TEATRO
16:00 PEEPING TOM / O FOTÓGRAFO DO PÁNICO* Michael Powell
18:00 LAS HEREDERAS Marcelo Martinessi
20:00 DOUBLES VIES / NON-FICTION Olivier Assayas
22:00 SAUVAGE Camille Vidal-Naquet
23:45 TOUCH ME NOT Adina Pintilie
MULTICINES COMPOSTELA (SALA 2)
17:30 MOROMEȚII / A FAMILIA MOROMETE Stere Gulea
20:00 SEIZOKU / SEX JACK* Kôji Wakamatsu
21:15 SHINJUKU MAD* Kôji Wakamatsu
22:30 GHOSTLAND Pascal Laugier
CINEMA NUMAX
17:30 L’EMPIRE DE LA PERFECTION / BUSCANDO A PERFECCIÓN Julien Faraut
19:30 LA FLOR (primeiro acto) Mariano Llinás, con presentación e coloquio.
MUSEO DAS PEREGRINACIÓNS
16:00 MOI, PIERRE RIVIÈRE, AYANT ÉGORGÉ MA MÈRE, MA SOEUR ET MON FRÈRE…* René Allio
18:15 FIGURAS Eugenio Canevari, con presentación e coloquio.
20:15 LA FELICIDAD DE LOS PERROS* David Hernández, con presentación e coloquio.
SALA AGUSTÍN MAGÁN (CC. SANTA MARTA)
17:30 MOONRISE* Frank Borzage
19:15 THE LAST TEMPTATION OF CHRIST / A ÚLTIMA TENTACIÓN DE CRISTO* Martin Scorsese
Nota: as películas marcadas cun asterisco son con entrada libre.